• Composto por 12 cancións, Inda canto continúa a labor de Treixadura de poñer en valor a música tradicional galega
• O sétimo disco de Treixadura quere ser unha homenaxe a todas aquelas persoas que loitan por manter viva a música galega

Xa está á venda Inda canto, o sétimo disco de Treixadura, un dos grupos referentes da música galega que recolle a tradición e pon en valor a súa riqueza cultural. Volve Treixadura mantendo o seu estilo recoñecible e co mesmo obxectivo desde a súa creación, manter as melodías coas que os nosos gaiteiros animaron festas e romarías e achegalas ao maior público posible.

Publicado tres anos despois do seu último traballo, Inda canto é unha nova aposta do grupo por reinventarse e seguir a andar camiños musicais a carón da tradición. Composto por 12 cancións Inda canto ten unha mensaxe clara, tras vinte e oito anos en Treixadura “inda cantamos, aínda temos folgos para cantar, tocar e achegar a tradición galega á xente a través dos nosos concertos. Temos moitas gañas de seguir contribuíndo a fomentar a nosa cultura, difundindo composicións propias e antigas que respectan a tradición”.

A música tradicional ten a súa orixe na necesidade de comunicarse da tribu, do pobo, de transmitir… Galicia ten unha marabillosa tradición de letras e cancións, moitas veces esquecidas, e Treixadura fai un traballo de recuperación e difusión moi importantes para non deixalas no esquecemento. “Unha foliada, un xantar… En Galicia calquera momento é bo para xuntarse e cantar, as cancións que cantaron os nosos avós, pais e nais… Necesitamos eses referentes do imaxinario colectivo, esas cancións e letras que coñecemos todas e todos e que cantamos en ocasións especiais ou sen máis, cando nos xuntamos”.

Ademais, Inda canto busca ser unha homenaxe a todas aquelas persoas que desde a base logran que a cultura galega teña máis forza que nunca, as agrupacións que se achegan a seráns, tabernas e foliadas e loitan para que a nosa música estea viva. “O momento actual que vive a música galega é moi bo grazas a esas persoas que, de maneira desinteresada, fan un traballo de recuperación e por en valor a tradición a través de moitos espazos que serven como altofalantes”, segundo os compoñentes de Treixadura.

Xira Inda canto, máis de vinte concertos

Inaugurada a semana pasada en Vigo nun concerto abarrotado e coas entradas esgotadas desde facía días, Treixadura levará Inda canto por toda Galicia a través dunha xira conformada por máis de vinte actuacións polo momento. Este domingo 22 de abril Treixadura actuará na Feira cabalar de Noia.